Friday 03 de May de 2024

A Pobra mantén aberta a inscrición na Campaña da Neve 2023


A Campaña da Neve 2023 desenvolverase en Valgrande-Pajares (Asturias) co obxectivo de fomenta-la práctica de deportes de inverno entre a rapazada de toda a provincia con idades comprendidas entre os 11 e 15 anos.

Trátase dun programa impulsado pola Deputación da Coruña que conta coa participación da Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal , da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).

A Pobra ten concedidas sete prazas correspondentes coa terceira quenda, que transcorrerá do día 27 ao 30 de xaneiro.

O documento de solicitude xa está ao dispor na páxina web www.apobra.gal. Esta deberase entregar debidamente cuberta no rexistro do Concello. O prazo de presentación remata no 16 de decembro, ás 14.00 horas.

Terán preferencia os/as rapaces/as que non tomasen parte en ningunha campaña da neve previa da institución provincial. No caso de recibir máis solicitudes ca prazas concedidas, farase un sorteo público no salón de plenos do Concello, ás 13.00 horas do día 19 de decembro, e as persoas admitidas serán avisadas por teléfono para, ademais, indicárlle-la documentación para presentar para confirma-la praza. A cota de participación establécese nos 85 euros, contía que non se debe aboar ata que a Administración local confirme a praza.